Wednesday 15 de May de 2024

A programación infantil centra a Axenda de decembro na Biblioteca da Xunta na Coruña “Miguel González Garcés”


— Haberá contacontos para a cativada e diversos espectáculos familiares

— Para o público adulto desenvolverase un novo itinerario de autor pola historia da Coruña, cun percorrido polo cemiterio de San Amaro

— Este venres preséntase a novela de suspense ambientada na Coruña Proyecto InteligLentes, de Ismael López Calvo

A Biblioteca Pública da Xunta na Coruña ‘Miguel González Garcés’ centra a programación de decembro no público infantil, con diversos espectáculos familiares e para a cativada. Pola súa banda, as persoas adultas poderán realizar un novo itinerario de autor pola historia da Coruña, cun percorrido polo cemiterio de San Amaro. A información sobre as actividades, que requiren de inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

Así, este sábado 4 de decembro haberá o bebecontos Bechiños, con Ana Facchini, con cantos e contos de animais para bebés de ata tres anos. O día 11 terá lugar un novo contacontos, desta vez para todos os públicos e en lingua de signos, a cargo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Na xornada do 18 chega Trinke Trinke con Aventuras na cociña, para a cativada de tres a oito anos e con propostas de hábitos de alimentación saudable. Todas as sesións se desenvolverán ás 12,00 horas.
Tamén dirixido a un público familiar, o venres 17, ás 19,00 horas, ofrécese o espectáculo A maxia do Nadal, onde a habilidade e o enxeño se mesturan coa música para mergullarse nun mundo de fantasía e ilusión. A programación infantil complétase o día 22, tamén ás 19,00 horas, co obradoiro creativo de Nadal, da man de Cucarandainas e para a rapazada de seis a 12 anos. Os participantes poderán deseñar e desenvolver a súa imaxinación utilizando diferentes técnicas artísticas e materiais.

Itinerario de autor no cemiterio de San Amaro
Pola súa banda, o público adulto ten un novo itinerario de autor arredor da historia da cultura da Coruña, o 17 de decembro ás 17,00 horas. Nesta ocasión, o historiador da arte Felipe Senén guiará os participantes por O inspirador cemiterio atlántico de San Amaro, un auténtico cemiterio mariño no que afondar na arte funeraria e nos numerosos persoeiros alí enterrados, como Eduardo Pondal, Manuel Murguía ou Manuel Curros Enríquez, entre outros.

Ademais en decembro haberá novas sesións do obradoiro de escritura creativa, con María Jesús Molina. Serán os venres 3, 10 e 17 ás 11,00 horas. Continúan tamén as sesións de formación das persoas usuarias dos mércores, para capacitar no uso dos servizos da biblioteca e no manexo das fontes de información, así como as visitas guiadas, os martes e xoves.

Outra das actividades previstas é a presentación do libro ilustrado Proyecto InteligLentes, co seu autor Ismael López Calvo. Será este venres ás 19,00 horas. Trátase dunha novela de suspense ambientada na Coruña, ilustrada por Lena Art.

Mostras bibliográficas
Canto ás mostras bibliográficas, o día 1 instalarase na sala infantil Un Nadal de libros, con propostas de lectura arredor do Nadal, e a partir do 17, estará no segundo andar, Ánxel Casal e a editorial Nós, cunha selección de documentos da colección da biblioteca.

Cómpre lembrar tamén que o 11 de decembro remata o prazo do IV Concurso de microrrelatos de terror, dirixido a maiores de 14 anos. As persoas participantes poderán entregar un único relato cunha extensión máxima de 200 palabras, orixinais e inéditos, escritos en galego ou castelán. Seleccionaranse tres traballos que se premiarán con lotes de libros e, no caso do primeiro, coa publicación do texto nas redes sociais da biblioteca.